Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
CARTOS E DEPORTE

Como reparte o Xacobeo os seus patrocinios deportivos?

Dunha dotación total de 5,3 millóns de euros para o deporte galego, o nadador catalán David Meca levou un 115 mil euros (un 5% do total destinado a patrocinios).

Redacción - 11:05 04/03/2010
A contratación de Meca supúxolle 115 mil euros á Xunta

A contratación de Meca supúxolle 115 mil euros á Xunta

Os deportistas galegos que queiran recibir algunha achega económica por parte do seu Goberno deben, ante todo, estar ben atentos ás convocatorias. Logo do reparto de 1,5 millóns de euros da Fundación Deporte Galego, a outra gran baza económica da Xunta en materia deportiva está a ser este ano o Xacobeo. No marco deste plan, destínanse este ano xubilar un total de 5,3 millóns ao deporte galego, ben a través de contratos publicitarios (3 millóns), ben a través de patrocinios (2,3 millóns).

Para Meca, 115 mil euros
Nunha resposta parlamentaria ao deputado nacionalista Alfredo Suárez Canal, o director xerente da Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, recoñeceu ter destinado unha cantidade de 99 mil euros máis IVE (115 mil euros) á contratación do nadador catalán David Meca. A súa travesía a nado entre Vilagarcía e Pontecesures, que tiña por obxecto promocionar a Ruta Xacobea Arousá, supuxo, polo tanto, o 5% do montante económico destinado polo Xacobeo a patrocinios deportivos.

Con todo, Santos asegurou que a a repercusión económica do contrato con Meca ascendeu a 865.900 euros, é dicir, defendeu que esta operación permitiu obter uns beneficios oito veces maiores que o custe inicial. Para ofrecer estes datos asegurou, por outra parte, ter contratado a unha empresa privada a realización do cálculo económico.

Baloncesto e regatas
O Goberno defendeu que a concesión destas axudas atenden, en todo momento, a criterios obxectivos, “algo que non sucedía en anteriores xestións”, dixo Santos. Porén, Suárez Canal asegurou que “hai deportistas do primeiro nivel que se inclúen en listas negras e non figuran” nas concesións de patrocinio e, polo tanto, “non teñen a mesma sorte” que o deportista catalán.

Mais a promoción do Ano Santo a través do deporte galego ten outros dous gastos porcentualmente importantes. A embarcación de regatas Xacobeo Galicia 2010, da categoría x-35, recibiu outros 400 mil euros a través doutro contrato publicitario (o 17% do total). Mentres, o equipo de baloncesto de Santiago de Compostela, o Obradoiro Blue Sens recibiu outros 1,2 millóns de euros.

A suma destes tres contratos supoñen 1,75 millóns, é dicir, un 33% do total que destinará neste ano o Xacobeo para promocionar, dun ou doutro xeito, o deporte galego. Os 3,5 millóns restantes repártense entre máis de 150 clubs deportivos de todo o país. Suárez Canal lamentou que o Xacobeo empregue este xeito de repartir as axudas, que cualificou como “discrecional” e denunciou o abandono “dunha parte importante do noso deporte”, mentres se subvenciona a “deportistas de fóra”.

En Vieiros:


3,56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A embarcación do Xacobeo recibiu 400 mil euros a través dun contrato publicitario
A embarcación do Xacobeo recibiu 400 mil euros a través dun contrato publicitario
O equipo ciclista Xacobeo viu reducido un 20% o seu orzamento para este ano
O equipo ciclista Xacobeo viu reducido un 20% o seu orzamento para este ano
A Eva Castro, que compite a nivel internacional, o Xacobeo negoulle este ano un patrocinio de 12 mil euros
A Eva Castro, que compite a nivel internacional, o Xacobeo negoulle este ano un patrocinio de 12 mil euros