A marcha máis multitudinaria foi a da Coruña onde, segundo CCOO e UXT, se xuntaron unhas 11 mil persoas.
“En defensa das pensións, non ao atraso na xubilación”. Este foi o lema baixo o que se manifestaron Comisións Obreiras (CCOO) e UXT na noite do martes nas cidades de Vigo, A Coruña, Lugo Ourense e Vilagarcía de Arousa.
A protesta máis concorrida foi a da Coruña, onde os sindicatos cifraron a participación en 11 mil persoas (a Policía Local rebaixou a cifra até os 7.500). Os secretarios xerais en Galiza de ambas formacións sindicais, Xosé Manuel Sánchez Aguión (CCOO) e Xosé Antonio Gómez (UXT), encabezaron a marcha. O primeiro afirmou que o obxectivo é “amosar a nosa rotunda oposición ao atraso da xubilación”, unha medida que cualificou de “inxusta, insolidaria e innecesaria”. Pola súa parte, o líder de UXT considerou a proposta “unha clara ameaza contra o sistema de benestar”.
Xa en Vigo, a manifestación estivo liderada polos responsábeis sindicais comarcais, Xosé Cancelle (CCOO) e Antonio Xuste (UXT), quen cifraron a participación en 10 mil persoas (cinco mil, segundo a Policía). En Lugo déronse cita outras 700 persoas, que provocaron retencións de tráfico na Ronda da Muralla e o casco histórico. En Vilagarcía acudiron outras 600 persoas e en Ourense manifestáronse outras 500.
Máis información nas webs dos sindicatos: