Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
COA ABSTENCIÓN DO PPdeG

Franco xa non é fillo adoptivo da Coruña

Aprobou a revogación de todos os títulos concedidos o ditador e a outros militares franquistas. A CRMH pide que se faga o mesmo con Manuel Fraga.

Redacción - 17:45 01/03/2010

O pleno municipal aprobou este luns, cos votos a favor do PSdeG e do BNG e coa abstención do PPdeG, revogar todos os nomeamentos de títulos concedidos a Francisco Franco e a outros políticos e militares durante a etapa da ditadura, en aplicación da Lei da Memoria Histórica.

Acordouse a retirada de 21 títulos, entre eles o de “fillo adoptivo” e “predilectísimo” da Coruña “alcalde honorario” ou a medalla de ouro da cidade concedidos a Francisco Franco. Asemade, tamén quedaron retirados os títulos de “fillo predilecto” outorgados, entre outros, a Millán Astray, fundador da lexión, Juan Canalejo e Mariano Gómez Zamalloa ou a medalla de ouro da cidade a Luís Carrero Blanco ou Fermín Gutiérrez Soto.

Abstención do PPdeG
O edil socialista, Carlos González Garcés atribuíu esta decisión ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica e asegurou que “carecen de xustificación” os recursos presentados polos familiares e descendentes dos afectados por esta medida. Pola súa parte, o concelleiro do PPdeG, Xoán de Dios Ruano, defendeu a abstención popular, por “non sentirse concernido co modo excluínte, sectario e antirregulamentario co que se está actuando” ao tempo que acusou ao goberno coruñés de gobernar “mirando ao pasado”.

A edil do BNG, Margarida Vázquez, sostivo que a abstención popular”deixa ben clara a súa ideoloxía” e cualificou de “covarde” a súa postura respecto a un asunto co que “se fai Xustiza cos represaliados”.

O mesmo para Fraga
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) considerou unha “boa noticia” a ratificación da retirada destas distincións e “apoia” as argumentacións do goberno municipal coruñés para rexeitar as alegacións presentadas. Con todo, afirma “non entender as razóns” polas que se mantén o título de fillo adoptivo da cidade ao ex-presidente da Xunta, Manuel Fraga, “cando esa mesma distinción se retira a outros ministros da ditadura”.

A CRMH lembra que esta distinción se lle concedeu en 1968 “cando Fraga sentaba no consello de ministros e participaba activamente en toda a política represiva e criminal da ditadura”.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: