Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise e crítica do sistema capitalista

Löwy, Bidet e outras fontes debullarán a "incompetencia" do modelo económico vixente na Semana Galega de Filosofía

A Aula Castelao organiza do 5 ao 9 de abril en Pontevedra a 27ª edición do evento, onde tamén se reflexionará sobre a situación de Galiza e a mundialización.

Redacción - 10:45 27/02/2010
Aula Castelao

Aula Castelao

A XXVII Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao, desenvolverase no Auditorio de Caixanova de Pontevedra, do 5 ao 9 de abril, co lema 'Filosofía e Economía'. Entre os relatores, figuran os profesores franceses Michael Löwy e Jacques Bidet; e os galegos Lidia Senra, Dionisio Pereira e o economista Xosé Manuel Beiras, que protagonizará o acto de clausura.

O coordinador da Semana Galega de Filosofía, Carlos Calviño, e os representantes da Aula María Álvarez, Paula Fernández e Alexandre Cendón, destacaron na presentación -esta quinta feira- que o actual contexto de crise económica é dos "máis marcados dos últimos tempos". O modelo económico vixente "está a mostrar a súa incompetencia para proporcionar aos seres humanos os medios necesarios para a súa convivencia pacífica".

Os organizadores do evento criticaron o sistema consumista e a existencia de "grandes masas de capital" que se xera de modo "totalmente desproporcionado". Esta circunstancia, unida á "deterioración progresiva" do Planeta "fan que as diferenzas sexan cada vez máis marcadas, converténdose en foco de grandes enfrontamentos".

Por todo isto, desde a Aula Castelao de Filosofía consideran que "cómpre unha crítica á economía de mercado como única alternativa de organización socioeconómica posíbel para a humanidade", máis "neste momento histórico en que o sistema consumista amosa toda a súa crueza, golpeando os máis febles á vez que mostra a súa ineficacia coma xeito de organización viable para a humanidade".

Programa: Tres grandes áreas de debate

O programa divídese en tres grandes áreas de debate, tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, en sesións de mañá, tarde e noite: Análise crítica da economía (parte máis teórica e reflexiva), Situación económica de Galiza (reflexión aplicada ao noso país) e A mundialización a debate (tema máis amplo e grandes dúbidas do grande público), respectivamente, serán os temas dos bloques.

O primeiro contará coa participación dos profesores Paz Moreno Feliu, Coral del Río, Michael Löwy, Jacques Bidet e Andrés de Francisco. Os relatores formularán reflexións sobre as "alternativas liberalistas, neomarxistas e a vinculación entre o sistema económico e político".

Destaca a presenza dos dous franceses. O primeiro -que viviu no Brasil a maior parte da súa carreira- falará da crise do modelo capitalista de consumo asociándoa coa crise ecolóxica e plantexando a posibilidade dunha alternativa política a este modelo, mentres que o segundo analizará a situación socioeconómica liberal actual en termos de propiedade e competencia, ou de "mercado" e "organización da produción".

En canto ao marco galego, contará cos profesores Xavier Vence, Federico Martín Palmero, Ubaldo Martínez Veiga, a sindicalista agraria Lidia Senra e os historiadores Dionisio Pereira e Bernardo Maiz. Entre os asuntos previstos no programa figuran a crise do neoliberalismo, a pegada ecolóxica, a modernización do agro e o movemento sindical.

Por último, no apartado da mundialización, participarán Pye Jakobsson, Antonio Boncompain, Joaquím Sampere e Arcadi Oliveres, que abordarán, entre outros temas, o traballo sexual, o dominio e cultura pop, o decrecemento actual e "a grande pregunta que nos ofrece este sistema económico: se a política está ao servizo dos cidadáns ou realmente estao ás ordes da economía".


4,14/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Altermarxisme', unha das obras máis influíntes de Jacques Bidet (clique para ampliar)
'Altermarxisme', unha das obras máis influíntes de Jacques Bidet (clique para ampliar)
O francés Michael Löwy viviu no Brasil a maior parte da súa carreira
O francés Michael Löwy viviu no Brasil a maior parte da súa carreira