O colectivo Rumbo 21 culpa o goberno español de incumprir as súas promesas e advirte de posíbeis "regulacións" en empresas auxiliares do naval.
A Asociación Rumbo 21 vai convocar unha mobilización cidadá para reclamar que se renegocie coa Unión Europea o levantamento do veto á construción naval civil en Navantia Fene, como resposta á "falta de vontade política" do PSOE. A entidade anunciou que convocará unha reunión cidadá o 2 de marzo na Galería Sargadelos para perfilar a manifestación, que terá como lema "Na defensa do emprego, por un sector naval de futuro, levantamento do veto".
A entidade denunciou que o goberno español non está a cumprir o compromiso de aproveitar a presidencia da Unión Europea para reabrir o expediente de Izar, e que tamén está en suspenso a Iniciativa Lexislativa Popular tramitada no Parlamento, debido a que o PSOE pediu que se aumentase o período de emendas.
Xesús Varela, voceiro de Rumbo 21, asegurou que "se está a mentir descaradamente", lembrando que ningún dos actos programados polo goberno español durante a presidencia europea estará dedicado ao sector naval. Outro integrante da asociación, Ramón Yáñez, manifestou que "Ferrol está a xogar o seu futuro", malia que "o sector naval non será importante para o ministro de Industria".
Varela advertiu de que o vindeiro ano, nos meses de verán, comezarán a producirse "regulacións" nas empresas auxiliares do naval, pola falta de novos contratos no eido da construción militar.
O estaleiro de Fene ten vetada a construción naval civil até 2015 por un compromiso adquirido polo Estado Español con Bruxelas en 2005, que lle evitou devolverlle a Europa 1.342 millóns de euros achegados polo goberno de Aznar a apoiar o sector naval e que se declararon ilegais.