O SLG pide que a Administración asuma economicamente as perdas provocadas polos ataques, e que inclúa nesta categoría o corzo, o coello, o corvo e o voitre.
A secretaria de Medioambiente, Terra e Montes do SLG, Charo Sánchez Parga, reuniuse esta cuarta feira co subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, Emilio Rosa Solana, e co director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, para reivindicar que o sector agrogandeiro non siga a cubrir en exclusiva os custes derivados do mantemento da fauna salvaxe.
Argumentan desde o sindicato que, como patrimonio natural que é, a conservación da mesma debe involucrar o conxunto da sociedade. Neste senso, propón a modificación da Lei de Caza para que se estabeleza a Administración como única responsábel do mantemento da fauna salvaxe.
Ademais, no que atinxe aos ataques a animais en explotacións agrarias, o SLG solicita unha ampliación das especies contempladas coma fauna salvaxe, de cara a se axeitar á realidade do país. Xunto co lobo e o xabarín, xa incluídas actualmente, propón tamén o corzo, o coello, o corvo e o voitre.
No caso deste último animal, aínda que os ataques non son polo momento excesivos, si que se está a dar un aumento das incursións nas montañas orientais do país afectando -tamén o corvo- as crías recén paridas. E no caso do corzo e o coello, sobre todo nas comarcas do interior, é o viñedo e as novas plantacións froiteiras as que máis danos sofren.
"O sector agrogandeiro non pode cubrir el só o mantemento da fauna salvaxe", asegura Sánchez Parga. "Nós non estamos na súa contra, ao contrario, mais se tan importante é para toda a sociedade a súa conservación debería de haber unha responsabilidade e implicación compartida", reclama. Neste senso, considera que as indemnizacións son "insuficientes" e que deberían ser "a fondo perdido".
O propio García Borregón recoñeceulle á representante do SLG que as compensacións económicas non alcanzan a cubrir o total das perdas económicas, tanto as provocadas por danos directos como polos colaterais e polo lucro cesante.
Restos de animais mortos e Plan de Xestión do Lobo
O SLG pediu, ademais, a ampliación das partidas presupostarias para compensar anualmente as explotacións pola súa contribución ao mantemento da biodiversidade. Tamén propuxo o deseño dun protocolo para que non se retiren animais mortos por causas naturais en zonas de difícil acceso, propiciando alimento para a fauna salvaxe, e a inclusión do porco celta coma raza en perigo de extinción.
Por último, de cara á mellora das medidas estabelecidas actualmente, Rosa coincidiu co SLG na necesidade de revisar o actual Plan de Xestión do Lobo e as incidencias reais no territorio, elaborando de ser o caso, un novo anexo dos concellos declarados zona 1, onde se inclúan todos os concellos afectados por ataques.