O finado -considerado "preso de conciencia" por Amnistía Internacional- é Orlando Zapata Tamayo, encarcerado na primavera de 2003.
Zapata, segundo pola esquerda
Orlando Zapata Tamayo, un dos 75 arrestados polas autoridades cubanas na primavera de 2003 -acusados de actuar como axentes dos EUA por, supostamente, aceptar cartos da Casa Branca- morreu este martes no hospital Hermanos Ameijeras -onde fora trasladado un día antes-, logo de pasar 85 días en folga de fame, informan as axencias internacionais.
Zapata Tamayo, que permanecía ingresado nun centro médico para reclusos de La Habana desde o pasado 16 de febreiro, iniciou a folga de fame para exixir ser tratado como "preso de conciencia". Precisamente esta condición é a que lle atribuía, tanto a el como aos outros 74 detidos hai sete anos, a organización Amnistía Internacional.
Segundo recolle a axencia española EFE, o pasamento suscitou a condena de opositores ao goberno cubano dentro e fóra da illa, ao considerar que se trataba dunha morte "evitábel". "Aparte dunha traxedia para a familia, é unha moi mala noticia para todo o movemento cubano de dereitos humanos e tamén para o Goberno, porque esa morte era evitábel", sinalou Elizardo Sánchez, da Comisión Cubana de Dereitos Humanos e Reconciliación Nacional.