O xornalista deportivo da Cadena Ser, José Ramón de la Morena, critica os espectadores que apuparon este domingo o monarca e o himno españois.
O xornalista José Ramón de la Morena, director e presentador do programa deportivo da Cadena SER El Larguero, un dos de maior audiencia a nivel estatal, cualificou de "estupidez teimuda e irrespectuosa" pedir a organización da fase final da Copa do Rei para asubiar o himno español. Fíxoo este luns pola mañá noutro programa de éxito, o Hoy por hoy.
Este domingo, na localidade vasca de Barakaldo, disputouse o partido final desta competición, que enfrontou o Real Madrid e o Barcelona. Gañaron os da equipa catalá, cunha grande actuación do chantadino Fran Vázquez, elixido mellor xogador do torneo.
A polémica chegou antes. O encontro estivo presidido polo xefe do Estado español e a súa consorte. Á súa chegada ao pavillón BEC foron recibidos con asubíos e apupos. Uns poucos espectadores próximos ao palco aplaudían, mais o resto do pavillón pitaba e algúns berraban "fóra, fóra".
As protestas aumentaron durante a breve interpretación do himno español, que soou durante 35 segundos, mais que se ouvía con dificultade entre os asubíos. Así que acabou a música, a situación volveu á normalidade e non houbo máis incidencias.
Acompañando a Juan Carlos de Borbón e Sofía de Grecia, entre outros, estaban Jaime Lissavetzky, secretario de Estado para o Deporte, e o lehendakari, Patxi López, así como os presidentes do Real Madrid e do Barcelona, Florentino Pérez e Joan Laporta, respectivamente.
"Entusiasmados coa Copa do Xeneralísimo"
Ao respecto, De la Morena sinalou que "todos saben que é a Copa do Rei de España, das que tantas gañou o Athletic de fútbol cando este país padecía unha ditadura e, con todo, nunca asubiaron tanto a Franco naqueles tempos cando chegaba ao estadio ou lles entregaba a Copa, a do Xeneralísimo, que recibían tan entusiasmados".