O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento para coñecer porque se descolgaron os bonecos, que aludían ao posíbel traslado do centro.
O centro de Secundaria está no Mosteiro
Deputados do BNG presentaron hai días unha iniciativa no Parlamento para que se explique a actuación da Policía no centro de ensino secundario de Celanova, logo de que esta retirase uns "mecos" pendurados das fiestras que aludían ao posíbel traslado das instalacións.
Ao respecto, o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) condenou cun comunicado a actuación policial, xa que considerou que a manobra policial estivo "totalmente fóra de lugar". "Sorprende que se empreguen os corpos de seguridade para impedir unha actividade de Entroido nos centros educativos, feito que lembra máis á ditadura franquista que a unha democracia", sinalaron.
Consideran que a finalidade desta acción "puidese ser a de intimidar a cidadanía para que cese nas críticas ao traslado do centro", feito que de ser certo, afirman, "sumaríase á longa lista de despropósitos cometidos polos corpos policiais contra todo aquilo que poida desestabilizar as decisións tomadas polas administracións".
Ademais, o MpDC tamén cre que este feito "atenta contra a liberdade de expresión", xa que unha parte da sociedade se veu privada deste dereito ao censurarse a súa posibilidade de manifestar publicamente unha opinión. Por iso, aplauden que a decisión poida ser explicada no Parlamento.