Mentres algúns concellos se acollen á posibilidade de elevar os seus ingresos, outras comarcas e ecoloxistas critican o alto impacto paisaxístico.
Como en Galiza, en Cataluña o deseño e situación dos parques eólicos está a xerar unha destacábel polémica entre alcaldes, goberno e ecoloxistas. Nos últimos días, o tripartito chegou a un acordo e determinou oito zonas de desenvolvemento prioritario (ZDP) que albergarán parques eólicos en Cataluña, que se sacarán a concurso en grupos de dous ou tres a partir do vindeiro mes.
Estas áreas suman 11 comarcas e un total de 43 termos municipais nos que se poderán situar instalacións dun mínimo de cinco aeroxeneradores de 10 megawatios de potencia instalada. O novo mapa eólico contempla a instalación de 834 mw nesas oito zonas (200mw en Empordá, máis de 315 mw nas comarcas de Tarragona e uns 300 mw nas de Barcelona e Lleida). Esta potencia sumaríase aos 653 mw que xa están en marcha e aos 1.784 mw que xa se están a construíu ou tramitar, a maioría no sur.
Entre os gorentosos beneficios e as afeccións paisaxísticas
Esta proposta do goberno para a promoción e ordenación da xeración de enerxía eólica xa xerou rexeitamento principalmente nas comarcas do Alt Empordà, do Priorat e da Terra Alta. Pola contra, no sur de Lleida, no interior de Barcelona e na Conca de Barberá o feito de seren consideradas ZDP foi recibido con moita satisfacción.
No caso do Alt Empordà, tócalle o maior peso enerxético, que se distribúe en sete concellos (Agullana, Masarac, Cantallops, Sant Climent Sescebes, La Jonquera, Espolla y Capmany). Só tres destes municipios coinciden coa proposta que facía o Consello Comarcal. O Alt Empordà é consciente de que debe contribuír á xeración da enerxía, xa que é a zona con máis capacidade de produción de Cataluña, mais piden o mínimo impacto paisaxístico e o maior consenso posíbel para a instalación dos muíños na zona.
Os alcaldes apostan por concentrar os parques eólicos no corredor da autopista AP-7 entre Figueres e La Jonquera e lamentan as afeccións que terán os muíños sobre o patrimonio paisaxístico, o turismo rural e o cultivo da viña. Na mesma liña se manifestaron dende a Plataforma per la Defnesa del Patrimonio natural del Priorat e a Plataforma en Defensa de la Terra Alta, que lamentaron a “falta de información e consenso e que non se resolvan primeiro os problemas causado até o de agora por non planificar”.
Máis información en : Vilaweb / Avui / La Vanguardia / El Periódico