Gañadores respectivamente dos premios a nivel estatal na categoría de mellor álbum de música tradicional e mellor canción en galego.
Carlos Bau
O traballo "Ao vivo", de Luar na Lubre, mereceu o premio ao mellor disco de música tradicional, na categoría correspondente da XIV edición dos Premios da Música. O grupo coruñés competía polo galardón co tamén galego Carlos Núñez e co vasco Kepa Junkera. Trátase dun dobre CD e DVD que xunta as pezas que a formación herculina gravou en xaneiro de 2009 no Teatro Colón d'A Coruña na conmemoración dos seus máis de vinte anos de labor.
Por outro lado, o tema titulado "Nada", de Carlos Bau, foi merecedor do premio á mellor canción en galego. Bau rivalizaba polo recoñecemento fronte á peza "A Nosa Estrela", de Eva Carreras e Fasero, e "Madama", de Guadi Galego, Pedro Pascual e Rosa Bugallo. Quedaron sen premio o director e compositor Ros Marbá e a Real Filharmonía de Galicia, que con '5 Melodías sobre poemas' de Paul Valéry competían no apartado de música clásica, sendo o galardón finalmente para Zulema de la Cruz.
Quimi Portet gañou o apartado de mellor canción en catalán, por 'Homes i dons do cap dret', e Ruper Ordorika por 'Haizea garizumakoa', no apartado de canción en éuscaro. Outros gañadores destes galardóns que reparten premios a nivel estatal foron o grupo Fito & Fitipaldis (mellor álbum rock), Zahara (autor revelación), Fangoria (mellor disco pop), Javier Corcobado (mellor álbum alternativo) ou Carles Benavent (mellor disco jazz). A gala oficial de entrega dos premios será o vindeiro 4 de marzo no Teatro Häagen Dazs Calderón, en Madrid.