A web, nada en marzo de 2001, incorpora novas seccións e un formato máis flexíbel có de blog que viña empregando anteriormente.
A web Galizalivre.org renóvase, coincidindo co noveno aniversario da súa fundación. En marzo de 2001 aparecía por primeira vez na internet, como paso previo a funcionar no Día da Patria como un dos primeiros portais informativos do reintegracionismo na rede. De cara ao próximo ano, prevé conmemorar o centenario de Manuel Ponte Pedreira e de Ernesto Guerra da Cal, como representación da loita popular e da defensa intransixente de Galiza e da súa lingua.
Repasando a súa historia, Galiza Livre lembra os difíciles momentos que pasou cando en 2005, en plena Operación Castiñeira, a páxina sufriu ataques e viuse obrigada a publicar un comunicado que lembraba que "nin ataques informáticos, nin procesos xudiciais, nin a presión policial nos van sacar do mapa da información liberada", e que continuaría presente na rede.
O redeseño da web vén marcado polo formato de urxencia que tomara a páxina despois do "golpe", e que restrinxía a presentación de contidos pola súa maquetación estilo blog. Agora, anuncia que "o noso compromiso continuará incorruptíbel", seguíndolle o ritmo ao movemento popular galego, aos centros sociais, aos proxectos formativos, ás agrupacións ecoloxistas e de nais e pais. Engade, ademais, un mapa do tempo e novas seccións, como a axenda ou un apartado multimedia.
O proxecto, fiel ao seu espírito, segue aberto a colaboración, tanto de contidos como económica. Tamén se dispón a loitar contra a censura, materializada hoxe en día na saturación informativa.