Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Coláronlles con engano produtos de risco

Milleiros de familias e pemes con hipoteca "timadas" polas entidades financeiras

Clientes de Caixa Galicia afectados polo calote dos chamados "swap", considéranse "estafados", e crean un grupo de afectados en protesta pola situación.

R.N - 12:35 16/02/2010

Á hora de asesorar a clientela que chegaba polas oficinas financeiras na procura de préstamos hipotecarios, as entidades xogaron nos últimos anos coa ambigüidade e a letra pequena. Aproveitando o descoñecemento dos cidadáns sobre o ámbito financeiro e abusando da súa confianza, as entidades venderon produtos complexos, moitas veces no gume da fraude, dos que xa lles temos falado nalgunha outra ocasión.

Na convicción de que se trataba de sistemas de protección fronte á potencial subida de tipos de interese, milleiros de hipotecados asinaron o que en realidade se trataba de produtos de alto risco. Segundo as plataformas de afectados e asociacións de consumidores, os afectados cóntanse por milleiros en todo o Estado, desde particulares a pequenos empresarios e autónomos. O Grupo de Afectados por Caixa Galicia, co que Vieiros puido falar este mesmo martes, denuncia a existencia de persoas coas contas asolagadas pola esixencia de cantidades "desorbitadas" por parte das entidades. Cantidades que, como pouco, se moven arredor dos 7 mil euros, e que en moitos casos se disparan até os 100 mil euros.

"Fraude", descoñecemento e letra pequena
Na práctica, o chamado "swap" ou "clip" consiste nun produto adicional que as entidades se esforzaron por colocarlle aos clientes á beira dos contratos hipotecarios. O asinante recibe así o compromiso de que pagará un interese fixo máximo, durante o tempo pactado, e malia que o nivel do Euribor chimpe ben por riba. Nese contexto, o produto élle presentado ao cliente como un suposto "seguro".

Na práctica, e mesmo cando o Euribor é superior ao tipo de referencia pactado, a entidade paga a diferenza, mais o pau zoupa cando, como aconteceu nos últimos tempos, os tipos de xuro caen rapidamente. Xa que logo, co tipo acordado por riba do Euribor, a entidade esíxelle ao cliente compensala pola variación. Todo un ataque aos petos para cidadáns que xa de seu afrontan mensualmente as súas cotas hipotecarias.

As entidades calan e ingresan, as administracións miran cara a outro lado
Caixas e bancos esforzáronse en tempos recentes por convencer os seus clientes para a contratación destes e outros produtos de dubidoso interese para particulares e pemes. En tempo de crise, non lles doeu prenda ás entidades por espremer ao máximo todo tipo de mecanismos para encher as súas mancadas contas, en gran parte por erradas estratexias de investimento no sector ladrillo.

Os grupos afectados son especialmente críticos coas administracións e co propio Banco de España, pola permisividade diante deste tipo de prácticas fraudulentas. Con todo, a presión cidadá xa serviu para que a institución reguladora admitise o timo realizado polas entidades, aínda que baixo o eufemismo de "actuación incorrecta desde o punto de vista das boas prácticas financeiras". Sentenzas concretas contra entidades como Bankinter e o Banco Santander por este tipo de prácticas fan prever que a loita contra esta fraude avanza máis axilmente nos próximos tempos. Mais de momento sorprende o silencio do goberno español ao respecto destes sucesos. Proximamente, o grupo de Izquierda Unida no Congreso prevé a presentación dunha pregunta ao respecto destas fraudes.

O Grupo de Afectados por Caixa Galicia prevé unha xuntanza a finais de mes con afectados de todo o país, para a coordinación de esforzos en defensa dos dereitos dos clientes da banca. Denuncian ademais o silencio das entidades ao respecto deste tipo de prácticas. Ao longo da mañá deste martes non foi posíbel obter unha avaliación oficial desde Caixa Galicia ao respecto do conflito. No espazo web NoClip.es centralízase información a nivel estatal sobre a loita dos afectados por estas estafas.


4,81/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Caixa Galicia é unha das entidades denunciadas polos afectados por estas prácticas
Caixa Galicia é unha das entidades denunciadas polos afectados por estas prácticas
Sede do Banco Santander, entidade moi criticada tamén polo seu uso e abuso dos swap
Sede do Banco Santander, entidade moi criticada tamén polo seu uso e abuso dos swap