A Xunta negocia a adquisición da fortificación pola que os herdeiros, os Padres Misioneros, piden nove millóns de euros.
O Castelo de Pambre, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1995, continúa pechado ao público malia que a Lei de Patrimonio de Galiza estabelece que os monumentos que reciben esta catalogación deben ser abertos, cando menos, catro días ao mes. Os últimos trámites nos que agora anda metida a Xunta son as negociacións para a adquisición da fortificación, unhas xestións que, segundo o alcalde de Palas de Rei, Fernando Pensado, andan moi avanzadas.
Pensado asegura que o castelo abrirá probabelmente as súas portas antes do verán. “A intención é mercarllo os seus novos donos, os Padres Misioneros, e convertelo nun ben de interese público”, explica, “despois involucrarase a outras administracións que xa se comprometeron na súa rehabilitación”, como o Ministerio de Fomento (a través do 1% cultural), a Deputación ou o propio Concello.
Con respecto ao prezo, Pensado adiantou que “se falou dunha taxación de nove millóns de euros”, pero advertiu que “ninguén pode chegar de principio a iso” e concluíu: “pedir pedimos o que queremos, recibir recibimos o que nos dan”.
Cinco séculos sen visitas
En cincocentos anos de historia, o castelo estivo sempre pechado para o uso público. Trátase dunha construción de finais do século XIV, que sobreviviu á revolución Irmandiña até o punto de que está considerado como a mellor mostra da arquitectura medieval que existe en Galiza. O seu último propietario foi Manuel Taboada, conde de Borraxeiros, quen faleceu o ano pasado deixándoo en herdanza aos misioneiros, unha orde relixiosa asentada no barrio vigués de Teis.
Os trámites que xa estaban en marcha daquela quedaron así en suspenso. O anterior Goberno bipartito elaborara un informe sobre a necesidade de expropiar o inmóbel ante a negativa do conde de abrir as portas ao público. Tamén iniciara un expediente sancionador ao propietario por negarse a cumprir a lexislación, mais que tamén quedou en nada.
A orde que recibiu en herdanza o castelo tería ao parecer especial interese en vendelo atendendo á súa delicada situación económica, polo que as negociacións irían por bo camiño. Logo de diferentes manifestacións e exixencias de diversos colectivos como a Plataforma Social pola Defensa do Alto Ulla ou Adega, parece que agora pode haber unha solución satisfactoria para o conflito.