O colectivo considera que dende o Goberno non se están a elaborar con rigor os estudos de impacto ambiental en moitos destes procesos.
Durante as últimas décadas as concentracións parcelarias foron consideradas un eixo clave para o desenvolvemento rural, mais tamén produciron, en non poucos casos, cuantiosos estragos ambientais e do patrimonio. Os expertos advirten que para este tipo de procesos é fundamental unha análise pormenorizada da área sobre a que se vai actuar, do contrario, os problemas axiña aparecen.
Isto é o que semella acontecer na parroquia lalinense de Vilatuxe, onde está en marcha un proceso de concentración de terras agrícolas. A Federación Ecoloxista Galega anunciou este mércores que vai recorrer á Fiscalía de Medio Ambiente para dneunciar os danos ambientais que está a producir a modificación do terreo. A FEG considera que se pon en perigo a biodiversidade da zona e algunhas especies animais, por isto vaille pedir ao ministerio público que investigue se puido haber un delito ecolóxico.
As críticas céntranse na pouca rigorosidade á hora de analizar o impacto medioambiental. Segundo a FEG, a Xunta redacta informes moi permisivos que chegan a afectar a espazos naturais da Rede Natura 2000. No caso concreto de Lalín, a plataforma ecoloxista coida que hai probas abondo para que se invalide a Declaración de Impacto Ambiental que elaborou a Xunta