O presidente do goberno español reuniuse este venres con patronal e sindicatos para instalos a chegar a un acordo urxente.
Abaratarase o despedimento? A incógnita queda no ar logo dunha xuntanza extraordinaria entre o presidente do goberno español e os principais axentes sociais estatais. Todas as partes comprometéronse con Rodríguez Zapatero a establecer unha negociación a varias bandas para tratar de facer unha reforma laboral consensuada de xeito urxente.
Cunha taxa de paro próxima ao 19%, o executivo estatal intenta que o acordo sirva para crear emprego e reducir a temporalidade. Aínda que diferentes medios deron por feito ao longo deste venres un abaratamento do despedimento (chegouse a afirmar de que pasaría dos 45 días de indemnización por ano traballado a 33), os representantes de UXT e CC.OO aseguraron ao remate do encontro que no texto que lles facilitou Zapatero non se contempla explicitamente ningunha reducción deste tipo. Segundo explicaron estas fontes sindicais, os plans do executivo pasarían por optimizar o marco laboral actual.
Na reunión tamén houbo un espazo para a proposta do goberno de aumentar a 67 anos a idade de xubilación. Neste sentido, Zapatero afirmou, segundo os sindicatos, que a reforma só sairía adiante se contaba cun amplo apoio social e político. Mentres os representantes dos traballadores reiteraron a súa oposición á ampliación da idade de retiro, a patronal mostrou o seu apoio ao executivo.