Os policías sacaron das instalacións da empresa a 15 traballadores que protestaban pola política de contratación.
Pouco despois da medianoite deste martes, efectivos antidisturbios romperon as portas do asteleiro vigués de Barreras para proceder ao desaloxo de quince traballadores que se atopaban alí pechados para pedir unha regulamentación da contratación do sector. Segundo un dos participantes na protestas, Francisco Rodríguez, os policías entraron “rompendo todo”, logo de tirar abaixo cunha “maza” a porta da enfermaría. Os traballadores denuncian que o axentes non avisaron da acción e que tiveron apoio da empresa para acceder ao interior das instalacións.
Os obreiros, da Asemblea de Parados do Naval, denuncian que a empresa está a contratar a persoas sen recorrer á bolsa de contratación, tal e como marca o convenio. Segundo os folguistas, Barreras intenta aforrar así custes salariais xa que “páganlle a dous de fóra coa mesma cantidade de diñeiro que a un da bolsa”.