O colectivo ecoloxista Adega promove un ano máis esta iniciativa que pretende fomentar o mantemento e mellora dos cursos fluviais.
Dar a coñecer o importante papel dos ríos, amosar as súas problemáticas e fomentar as iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos cursos fluviais proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Estes son os tres obxectivos que, un ano máis, se marca Adega na súa iniciativa de educación e voluntariado ambiental, o Proxecto Ríos.
O vindeiro 15 de abril comezarán as campañas de inspección, nas que os voluntarios comproban o estado dos ríos. Estenderase até o 31 de maio no caso da primavera e a de outono comezará o 15 de setembro para rematar o 31 de outubro. Ademais, os cursos de formación, que fornecen os participantes dos coñecementos necesarios sobre a identificación de macroinvertebrados xa teñen data: celebrarase o 17 de abril e o 2 de outubro.
A maiores, tamén están organizados os encontros de voluntariado, as saídas formativas ou a data de presentación do Informe do Estado de Saúde dos Ríos Galegos con todos os datos recollidos durante toda a campaña: será o 17 de decembro.
Denuncia a Erimsa por posíbel delito ecolóxico
Tamén esta semana, Adega ratificou ante o Tribunal de Instrución nº1 de Vilalba a súa denuncia contra Erimsa por “invadir unha zona protexida sen a preceptiva Declaración de Impacto Ambienta (DEA)l”. Esta empresa conta cunha explotación mineira a ceo aberto de extracción de áridos e cuarzo no Pedroso (en Begonte) e, segundo denuncian os ecoloxistas, invade unha ampla zona con hábitats prioritarios do espazo protexido da Rede Natura LIC Parga-Ladra-Támoga.
Aínda máis, á parte de non contar coa consabida DEA, non ten tampouco a necesaria autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza nin a autorización urbanística da Xunta de Galiza, nin licenza municipal para a actividade extractiva. Adega solicitou que se tome declaración aos responsábeis das direccións xerais de Conservación da Natureza e de urbanismo da Xunta, ambas as dúas encargadas de outorgar as autorizacións necesarias. Tamén pide que se cite a declarar o concello de Begonte.