Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Solicitan a súa comparecencia

O PSdeG acusa a Mato de "agochar" 19 millóns de fondos para emprego

O PPdeG cualifica de "ridículo" que os socialistas queiran "dar leccións" cando "España está á cabeza de Europa en paro".

Redacción - 18:10 01/02/2010
Xosé Tomé Roca

Xosé Tomé Roca

O voceiro do PSdeG en materia laboral, Xosé Tomé Roca, acusou este luns a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, de "agochar" 19 millóns de euros da partida que o Estado transferirá á Xunta para políticas de emprego, xa que nos orzamentos figuran 228 millóns, mentres que a contía, dixo, ascende a 247,3.

A media estatal -informou Tomé Roca- incrementouse nun 6,7%, mentres que en Galiza fica nun 3,3%, "debido única e exclusivamente á actuación vergoñenta" de Mato. O seu equipo -proseguiu- "demostrou" que o Goberno "non ten un programa de emprego".

O parlamentario censurou que os representantes da Xunta se abstivesen na conferencia sectorial de emprego de xuño de 2009 "porque levaban pouco tempo no cargo". "É inaudito", reprochou, e "demostra que (o Goberno) non ten política laboral nin iniciativas".

Neste senso, o portavoz socialista presentou unha interpelación para que Beatriz Mato explique a súa actuación nas conferencias sectoriais en se decidiu a repartición dos fondos.

O PPdeG deféndese con críticas ao goberno español

Pola súa banda, o PPdeG cualificou de "ridículo" que o PSdeG "se permita dar leccións de política laboral", cando "todo o mundo está a sufrir as teóricas fórmulas máxicas do PSOE na materia", segundo salientou o voceiro parlamentario de Traballo popular, Alberto Sueiro.

"O Goberno central socialista está a demostrar que non sabe como afrontar a crise económica", indicou, e engadiu que "España está á cabeza de Europa en índice de paro". "Mentres o goberno (español) fai alardes de optimismo falando de inminente recuperación, todas as opinións internacionais falan do contrario", concluíu.

"A contía final, en xaneiro", di a consellaría
A Consellaría de Traballo e Benestar afirmou que non incluíu nos orzamentos para 2010 os citados 19 millóns de euros de fondos estatais para emprego porque "a contía final se certificou en xaneiro, logo de que as contas autonómicas estivesen aprobadas", aínda que cumpriron o trámite parlamentario en decembro.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: