Algunhas decisións, como a privatización da xestión de servizos relacionados co software libre, están a ser contestadas pola oposición e polos grupos de usuarios.
A secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira
A estratexia unificada arredor das novas tecnoloxías posta en marcha pola Xunta séguese a materializar tamén na internet. O Plan estratéxico tecnolóxico global, do que volveu falar este xoves Alberto Núñez Feijoo, pretende rematar coas "illas tecnolóxicas" por consellarías e, ao tempo, reformar as iniciativas postas en marcha polo bipartito.
Feijoo resumiu o labor feito nos últimos nove meses, como o Plan TIC de medidas urxentes, outro Plan director de banda larga ou a posta en marcha da nova web da Xunta. Neste senso, tamén a Administración está a mudar a súa cara dixital. Así, a Estratexia Galega da Sociedade da Información, que anteriormente era a web de referencia arredor das políticas TIC do Goberno, cedeulle o sitio á IMIT (Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica).
Outra das pretensións do Goberno, aínda non executada, é unificar o servizo que prestan, por unha banda, a Rede de Telecentros de Comunicación e, polo outro, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información.
Pero unha das decisións máis polémicas tomadas polo Goberno está a ser o futuro do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún. A convocatoria dun concurso para os servizos de consultoría arredor do software libre para a súa adxudicación a unha empresa privada fixo saltar as alarmas na comunidade 'linuxeira' do país. Segundo este anuncio, publicado pola Fundación Calidade, estaríase a privatizar un servizo que até agora prestaba Mancomún, por un importe de máis de 170 mil euros.
A oposición criticou este anuncio. Así, o PSdeG lembrou que o servizo estaba a ser prestado por técnicos contratados mediante concurso público e persoal voluntario, fronte ao afirmado polo Goberno, de que Mancomún "é só un portal de internet". A comunidade de localización de software libre xa decidiu hai meses desvincularse da Administración fronte ao incerto futuro do Centro de referencia.
A aposta do Goberno polo software libre non parece demasiado firme, despois de que caducasen os convenios que deron lugar á creación de oficinas de software libre nas tres universidades. Recentemente coñeceuse a situación precaria pola que está a pasar a da Coruña.