A primeira é merecedora do galardón polo poemario 'Neve' e o segundo, pola reportaxe 'Para que serve ser galego?'.
O Concello de Bueu entrega este sábado os premios Johán Carballeira de poesía e de xornalismo nunha cerimonia que terá lugar no consistorio a partir das 12.30 horas. Os galardoados deste ano son Lucía Novas e Óscar Iglesias.
A primeira, natural de Bueu (1979), polo poemario Neve, "unha obra orixinal a partir de técnicas compositivas clásicas (acumulación, ausencia de verbos...) e a súa riqueza léxica na configuración dunha nova perspectiva da poesía paisaxística", segundo salientou o xurado.
E no apartado xornalístico, Iglesias (Ourense, 1975) foi distinguido pola reportaxe Para que serve ser galego?, publicada no diario El País o pasado 5 de xuño. Un traballo que, en palabras do xurado, "abre o debate aínda pendente sobre a identidade galega, ofrecendo unha visión nova e atrevida", que "non recorre aos vellos tópicos, baralla fontes documentais novas a través da opinión de diversos autores", e que "non resulta un texto recorrente en ningún momento".