Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Bases para o decreto

A CTNL considera que o borrador dá un paso atrás na normalización da lingua

Presentou publicamente un documento de sete páxinas que lle remitirá á Xunta e que se resume en oito consideracións xerais.

Redacción - 17:39 22/01/2010

A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua Galega (CTNL) considera que as "Bases para o decreto do plurilingüismo" aprobadas polo Goberno deixan de lado os obxectivos normalizadores e significan un paso atrás, ademais de seren posíbel fonte de confrontación no seo da sociedade.

A CTNL presentou publicamente o documento que lle remitirá á Xunta cunhas consideracións xerais arredor do borrador do decreto. En resumo, o texto, de sete páxinas, trasládalle ao Goberno oito consideracións xerais referidas á planificación lingüística e á normalización.

A coordinadora considera que o borrador carece de obxectivos normalizadores, precisos no ensino do país debido á situación sociolingüística. Tamén afirma que as bases obrigan ao abandono do galego en determinados espazos, o que vai en contra da promoción lingüística, e amosa a súa oposición a que o galego deixe de ser a lingua da administración educativa. Xulga negativo o feito de darlles ás nais e aos pais as responsabilidades de escolla da lingua no ensino, o que podería arraigar un clima de confrontación na sociedade.

As consideracións da CTNL engaden que a proposta non garante que o estudantado acade o mesmo nivel en galego e en castelán, o que se traducirá tamén nun descenso na competencia do funcionariado, ao que xa non se lle exixe unha proba de galego. Avoga por propoñer unha planificación lingüística seria, consenso político e implicación da sociedade e erradicar o discurso de "imposición" contra "liberdade".


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: