Tim Berners-Lee participa nun proxecto análogo ao que puxo en marcha Obama nos EUA e que presenta os datos gobernamentais libremente na internet.
Un dos "pais" da web, Tim Berners-Lee, está a participar nun proxecto do goberno británico que ten como obxectivo facilitar o acceso público dos datos oficiais. Unha nova web, data.gov.uk, ofrecerá todo tipo de cifras estatísticas para uso privado e comercial, de xeito que se poidan abrir novas vías e servizos que aproveiten esa información pública.
Berners-Lee foi contratado no mes de xuño polo primeiro ministro do Reino Unido, Gordon Brown, para supervisar o proxecto. Os desenvolvedores xa construíron unha web onde se amosa a localización de escolas segundo a clasificación do organismo público Ofsted.
En declaracións á BBC, Berners-Lee explica que "os datos gobernamentais son algo no que xa gastamos os cartos... e se fica nun disco nunha oficina, está a ser malgastado".
Unha versión de proba da web está en funcionamento dende setembro, con máis de 2.400 persoas rexistradas para comprobar o funcionamento da páxina e achegar as súas propostas. Até agora, creáronse 10 aplicacións usando as sementes de datos, entre elas un servizo que alerta de fochancas e doutros perigos nas estradas do Reino Unido grazas aos avisos dos usuarios.
O proxecto forma parte dunha liña que se está a dar entre os diferentes gobernos de ofrecer os seus datos con transparencia. Así, nos EUA, a administración Obama lanzou data.gov, que ofrece información de diferentes departamentos, entre eles a Nasa ou Defensa. A Unión Europea tamén lles recomendou aos seus estados membros que fagan o mesmo para contribuír ao aproveitamento deses datos.