Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Espazo natural en Valdoviño

A SGHN exíxelle á Xunta medidas para protexer a Lagoa da Frouxeira

A Sociedade exíxelle a Medio Rural que non abra novas canles de evacuación como a que agrediu o contorno da lagoa a finais do ano pasado.

Redacción - 17:30 19/01/2010
Lagoa da Frouxeira / Flickr: Vorjales

Lagoa da Frouxeira / Flickr: Vorjales

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) pediulle á Consellaría de Medio Rural que non realice novas aperturas da canle de evacuación da Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, e que poña en marcha unha ordenación urbanística que evite a presión que ameaza o espazo natural, protexido por até cinco figuras medioambientais.

Nun escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a SGHN pide que se elabore un estudo multidisciplinar sobre a lagoa que avalíe os cambios que sufriu o espazo natural dende mediados do século XX. Así, poderíase analizar a extensión inicial da lagoa e as medidas necesarias para a súa preservación.

A entidade solicitou a "oportuna reposición da legalidade" e "aliviar a forte presión que sofre este espazo" mediante unha nova ordenación urbanística no contorno da lagoa. Ademais, pediu que se poñan en marcha medidas de xestión nas zonas agrícolas próximas. Nese senso, pediu explicitamente que "non se realicen novas aperturas da canle de evacuación da lagoa nin se permita que outros organismos ou particulares o realicen mentres non se dispoña do estudo".

A SGHN denunciou que se abriu unha canle de xeito artificial "con maquinaria pesada" até en dúas ocasións a finais do ano pasado, o que provocou danos na vexetación e facilitou o acceso incontrolado de persoas e de vehículos, como motos e quads, a zonas sensíbeis, provocando a súa degradación. A Lagoa da Frouxeira está cualificada como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Costa de Ferrolterra-Valdoviño, Zona Húmida Protexida, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), Zona Ramsar e Zepa (Zona de Especial Protección para as Aves).

O concello de Valdoviño e Adega xa denunciaran que a intervención, realizada entre novembro e decembro de 2009, provocou o desecado da zona. As obras pretendían evitar os asolagamentos do paseo marítimo e, segundo denunciou a SGHN, realizáronse mediante o sistema de "proba e erro".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: