Un estudo científico revela que o combustíbel se atopa a só uns centímetros de profundidade e que se desintegra até mil veces máis lentamente que o da superficie.
Actualmente estímase que unhas 76 mil toneladas seguen dispersas polas costas afectadas
Máis de 20 anos despois dun dos peores desastres ambientais de todos os tempos, o naufraxio do Exxon Valdez, as súas consecuencias seguen presentes na costa de Alaska. Grandes cantidades das 38 mil toneladas de petróleo verquido naquel 1989 permanece aínda baixo a area das praias, segundo revela un estudo publicado na revista Nature Geoscience.
Un equipo de científicos da universidade de Temple, encargados deste informe, confirmou que o petróleo que se atopa a só uns centímetros de profundidade, foi disipándose até mil veces máis lentamente que o da superficie. Segundo explican, a falta de osíxeno e de nutrientes na grava fai máis lenta a dispersión do cru remanente.
Legado contaminante
Este estudo, que poderá ser tido en conta para a limpeza de futuros verquidos, tamén contradí informes anteriores. Até o de agora pensábase que nos primeiros cinco anos despois do accidente o petróleo desaparecera até nun 70% e os cálculos amosaban que se disolvera por completo nos anos seguintes. Porén, hai sete anos descubriuse que este cru só se disolvera nunha taxa dun catro por cento anual e estimouse que unhas 76 toneladas seguían dispersas polas costas afectadas.
Agora, esta última análise, dirixida polos investigadores do Centro de Desenvolvemento de Recursos Naturais e de Protección do Colexio de Enxeñería da Universidade de Temple, aclara que as praias presentan dúas capas: unha superior moi permeábel e outra inferior, que se mantivo pouco permeábel. De media, a auga discorreu mil veces máis rápido na capa superior que na inferior, se ben ambas estaban formadas polos mesmos materiais, porque a inferior se fixo máis compacta por mor do movemento das mareas.
A maioría das operacións de limpeza na área de Alaska remataron en 1992, porque se agardaba que o resto do petróleo se dispersara completamente en poucos anos. Non obstante, este prestixioso estudo confirma agora que unha grande cantidade daquel petróleo verquido quedou bloqueado nas praias. O equipo de investigación subliña ademais que esta dinámica pode operar de xeito similar nas mareas de outras praias de todo o mundo, sobre todo nas rexións de latitudes medias e altas.