Cunha estimación de voto do 35%, por riba do 25% da actual primeira ministra Iulia Timoshenko, de confirmárense esas cifras habería unha segunda volta o 7 de febreiro.
O líder opositor Víktor Ianukóvich, cabeza do Partido das Rexións, sería o vencedor da cita dos ucraínos este domingo coas urnas. Mais sen maioría absoluta, o candidato pro-ruso dificilmente aspirará como favorito á segunda volta a celebrar o próximo 7 de febreiro.
Xa que logo, atrás del e rival nesa cita, queda a actual primeira ministra, Iulia Timoshenko. E por tras de ambos os dous, unha longa lista que completa as 18 candidaturas que competían esta fin de semana pola xefatura de estado en Ucraína. Xustamente, e segundo os prognósticos de prensa e centros de sondaxe, Timoshenko estaría chamada a ser vencedora da votación de febreiro, toda vez que se considera que Ianukóvich con probabilidade acadou o teito do chamado voto pro-ruso, mentres que a primeira ministra en funcións contaría co aval de apoios que nesta primeira quenda foron para outros candidatos. A xornada deste domingo tamén confirmaría a saída da primeira fila do protagonismo político do actual presidente, Viktor Iushenko, quen non superaría o 6% dos votos.