O Taboleiro de Innovación Rexional 2009 confirma a fenda que existe entre o norte do continente e as áreas menos desenvolvidas do sur e do leste.
Un estudo europeo confirma que as áreas máis innovadoras da UE están no norte, mentres que o sur e o leste ofrecen uns resultados máis dispares. Porén, hai que salientar que Galiza non sae tan mal parada na comparación con outras áreas do continente, e que a súa posición mellorou nos últimos anos.
O Taboleiro da Innovación Rexional 2009, publicado polo Instituto para a Protección e a Seguridade da Cidadanía, con base en Italia, conxuntamente coa Universidade de Maastrich, analiza a actividade innovadora en 201 rexións da Unión Europea máis Noruega. Ten en conta factores como a porcentaxe de persoas licenciadas, o gasto público en I+D+i, o acceso á banda larga, a cooperación innovadora entre pemes ou o emprego en servizos de 'coñecemento intensivo'. Deste xeito, clasifica as zonas en cinco graos de innovación: alto, medio-alto, medio, medio-baixo e baixo.
Galiza está no chanzo "medio-baixo" polo que, con todo, non está ao final da lista. Tamén, nalgúns dos aspectos analizados polo estudo, pasou entre 2004 e 2006 de ter un desenvolvemento "baixo" a "medio-baixo", o que parece confirmar que está a reducir distancias coa media europea, malia estar aínda na parte inferior.
O estudo analiza a contribución dos fondos europeos á mellora da competitividade rexional, e conclúe que países do leste, como Grecia, Polonia, Romanía e Bulgaria teñen máis dificultades para potenciar a economía innovadora e son onde menos se avanzou nos últimos anos.
O taboleiro, analizado polo Comité das Rexións en Bruxelas, subliña a importancia da cooperación co sector empresarial, "especialmente as pequenas e medianas empresas", para apoiar a innovación e a competitividade.