O candidato de Alternativa Universitaria, plataforma que leva 12 anos gobernando, asegura que a austeridade non pode comprometer a competitividade dos centros.
Salustiano Mato será o candidato a reitor de Alternativa Universitaria
O catedrático en Zooloxía e ex-director xeral de I+D+i da Xunta de Galiza, Salustiano Mato, presentou oficialmente este martes a súa candidatura á reitoría da Universidade de Vigo como representante da plataforma Alternativa Universitaria.
Mato, que presentará o seu programa e equipo reitoral en marzo, adiantou que o seu obxectivo será o de "achegar a institución á sociedade e poñela ao servizo do desenvolvemento económico e do benestar social dos cidadáns". Ademais, amosouse como un defensor da "cooperación intelixente" como "vía para aumentar os horizontes das universidades galegas" e apelou ao traballo conxunto entre as diferentes universidades como "a mellor estratexia de crecemento nunha conxuntura de crise económica".
Se ben asumiu que a austeridade "debe presidir" a forma de gobernar do futuro reitor, o candidato precisou que ese factor "non pode atenazarnos" á hora de descubrir "novas posibilidades de futuro". Asemade, asegurou que competitividade dos tres centros galegos é positiva "se existe a colaboración suficiente para gañar todos".
No máis concreto, Salustiano Mato apuntou á creación dun Campus do Mar, a política de investigación, a captación de alumnado, a confección estratéxica dun novo mapa de titulacións e a igualdade de oportunidades para todos os membros da comunidade universitaria como os piares do programa que se dará a coñecer en dous meses.