O Movemento polos Dereitos Civís critica que non se convocase este organismo de participación cidadá nin sequera fronte ao desafío do ano Xacobeo.
"Revélase como unha pantomima creada para dar unha aparencia de diálogo e participación cidadá nas cuestións da seguranza", reprochan desde o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) ao respecto do Consello Galego de Seguridade Cidadá. Recordando que non mantivo ningunha reunión desde hai máis de dous anos, láianse desde o colectivo de que a iniciativa quedase nun organismo actualmente "baleiro de contido".
As acusacións van contra a institución responsábel da convocatoria e coordinación deste Consello de Seguridade Cidadá, a delegación do goberno español, á que lle atribúen o desinterese en aproveitar este espazo de participación malia "a campaña mediática" que no seu momento acompañou a súa creación. Opinan desde o MpDC que o Consello, na medida en que servise de punto de encontro e representación dos actores sociais máis importantes do país, poderçia ser un espazo idóneo para encarreirar "programas e estratexias autonómicas en materia de seguridade". De xeito especial, censuran que nin sequera se facilitase a súa reunión con vistas ás alertas de seguridade despregadas con motivo do Ano Santo.