O grupo que apoia a Isaac Díaz Pardo considera o acontecido un intento de "lavar a cara" despois de "desaloxalo".
O grupo maioritario de accionistas do Instituto Galego de Información (IGI) aprobou este luns a súa nova dirección, na que se cambia a figura de conselleiro delegado por unha xerencia colexiada na que os opositores a Isaac Díaz Pardo (que até o de agora ostentaba o liderado) presentaron unha proposta na que se reservan tres postos e na que ofrecen outro ao galeguista e fundador do ente.
Deste modo, e tras máis de dúas horas de reunión, a maioría dos 300 accionistas convocados aprobaron a proposta que leva a esa dirección colexiada ao empresario Segismundo García, a Xavier Remeseiro, membro do consello de administración de Sargadelos e á empresa Ligsa, que pertence ao Castro e na dirección da cal tamén ten maioría tamén os opositores a Díaz Pardo.
Pola súa banda, fontes próximas ao intelectual galeguista, que non acudiu á asemblea, apuntaron, en declaracións a Europa Press, que con toda probabilidade o ate o de agora conselleiro delegado "rexeitará" este posto. Así mesmo, indicaron que os socios da familia Díaz Pardo criticaron fortemente, durante a asemblea, esta decisión do 75% dos accionistas, aos que acusaron de tratar de "lavar a cara" despois de "desaloxalo" do posto. Neste sentido, as mesmas fontes cualificaron esta oferta de "exercicio cinismo" e concluíron que demostra "o baixo compromiso ético" dos socios que conforman a maioría. "Agora querían que figurase, pero saben que non vai aceptar", sentenciaron.
Misiva e motivos
Antes da asemblea, Díaz Pardo enviou unha carta na que explicaba os motivos para non acudir e, nela, sentenciou: "Renuncio a seguir loitando, seguro de que as responsabilidades virán aínda que non me encontren vivo".
Díaz Pardo, nado en Santiago en 1920, ostentaba o cargo de conselleiro delegado nesta entidade, que depende do Grupo Sargadelos, e na sede da cal gardaba numerosos documentos como os arquivos do Goberno galego no exilio e o patrimonio artístico do seu pai.
Por outro lado, o intelectual galeguista compareceu este luns no xulgado de Viveiro para declarar como querelante do intento de expulsión do grupo empresarial hai dous anos e, en declaracións a Europa Press, Díaz Pardo asegurou que "só" un interventor xudicial pode salvar o Grupo Sargadelos que, segundo as súas estimacións, debe uns 3,5 millóns de euros aos bancos.