A Plataforma Galega Antitransxénicos advirte sobre o impacto desta tecnoloxía que permite, a un nivel atómico, enlazar materia viva vexetal, animal ou humana con materia morta.
Crese que actualmente hai 86 produtos alimenticios que usan nanotecnoloxía
As nanopartículas xa se empregan en aplicacións que van dende teas para a roupa até novos métodos terapéuticos contra o cancro. Porén, a súa utilización sobre o sector alimentario preocupa a moitos colectivos, como a Plataforma Galega Antitransxénicos, que alerta sobre a utilización desta tecnoloxía naqueles produtos destinados ao consumo humano.
No sector alimentario a nanobiotecnoloxía emprégase para mellorar o sabor dos alimentos ou para facelos menos perecedoiros. Tamén se utiliza nos alimentos procesados, reducindo a cantidade de graxa e sal que se precisa para a súa produción. Recentemente, o Grupo ETC (Grupo de Acción sobre Erosión, Tecnoloxía e Concentración) publicou un traballo sobre os potenciais perigos da aplicación destas técnicas na produción e transformación de alimentos no que adianta as posíbeis consecuencias destas tecnoloxías ao seren aplicadas á produción e transformación dos alimentos.
A Plataforma Galega Antitransxénicos achéganos algunhas das conclusións deste estudo e lamenta que "algúns alimentos, cosméticos, medicamentos ou pesticidas xa se estean producindo con esta tecnoloxía e vendendo impunemente, utilizando ao conxunto da Humanidade como unha inmensa cobaia, sen saber ao que se expón e sen o seu consentimento". Ademais, explican que "este feito en si tería que ser considerado un delito contra a saúde pública e perseguíbel de oficio pola nosa querida e cega Xustiza".