Chegan ao ILG ás gravacións que fixo en Galiza na década dos sesenta un profesor danés que investigaba crenzas populares.
Entre os anos 1965 e 1968, Gustav Henningsen, un profesor danés, percorreu Galiza investigando as crenzas tradicionais e máis particularmente as lendas de meigas e de endemoñados. Aquel investigador percorreu diferentes aldeas galegas onde gravou máis de 150 horas de conversas e fixo numerosas fotgrafías. Agora o Instituto Galego da Lingua (ILG) acaba de recibir este prezado material grazas a unha doazón da Universidade de Copenhaguen. O legado é dun valor extraordinario para coñecer de primeira man os trazos do galego oral dos anos sesenta
Henningsen chegara a Galiza como bolseiro. Ademais do noso país tamén percorreu Euskadi buscando os mesmos temas e datos sobre a Inquisición española. Na actualidade está considerado como un dos mellores estudosos europeos da Inquisición e da bruxería.