Na tarde do xoves, agarimáronlle a Don Paco a pé da casa cun coro, músicos e cantos de reis, neste seu 97 aniversario.
Logo de 46 anos, Del Riego deixa a Fundación Penzol / Foto: R.Noguerol
Figura clave na cultura galega, Francisco Fernández Del Riego fixo esta semana 97 anos. Queda longo debullar todos os méritos de don Francisco, desde ser un dos fundadores da editorial Galaxia, até presidente da Real Academia Galega (no especial en Vieiros: Del Riego e Galicia, no río do tempo poden ver un resumo da súa traxectoria vital).
Este xoves, o escritor recibiu a pé da casa unha sorpresa especial de aniversario organizada por seus amigos, que son moitos. Nun emotivo acto co que se lle quería "testemuñar o agarimo e agradecemento polos anos dedicados á cultura galega", agasallárono cun canto de reis diante de súa casa na Praza de Compostela, en Vigo. O acto contou ademais coa participación de violinistas da Orquestra Clásica de Vigo, co seu director Manuel Martínez Álvarez-Nava, e o Clube Colombófilo Mensaxeiras do Atlántico, que ceibou 97 pombas, unha por cada ano do galeguista. Ademais, o profesor e director da Coral de Leiro, don Celso Domínguez, interpretou a peza “A miña burriña”, da música tradicional galega, "que gustaba cantar don Paco nas festividades cos amigos".
Contámoslles de paso que a Fundación Penzol anunciou que Del Riego deixa a dirección da entidade despois de 46 anos á fronte. "Durante este tempo promoveu e levou a cabo a organización e catalogación dos seus fondos, conseguindo do Concello de Vigo o asentamento nas actuais dependencias na casa da Cultura, así como o establecemento dun convenio que supón dispoñer de persoal especializado para a xestión e manexo dos libros e documentos", expón a institución nun comunicado.
Recomendámoslles a nota que sobre o evento recolle a bitácora de Manuel Bragado: Don Paco, home luz.