A compañía, formada por tres socios vigueses, está a preparar versións internacionais do programa e novos servizos web.
A empresa viguesa Adiante Ventures está a triunfar no sector das aplicacións para teléfonos móbiles intelixentes. A firma, formada por Eduardo Sanín, Alexandre Pedrosa e Juan Merlos, decidiu iniciarse nese tipo de software a raíz do éxito da web calcularsueldoneto.com, que comezara como un proxecto entre amigos dos dous primeiros socios e xa recibe 50 mil visitas mensuais.
Segundo explicou Merlos, a empresa comezou co desenvolvemento de aplicacións sinxelas, aínda que a medio prazo ten previsto incorporar servizos máis elaborados, que combinen web e móbil. As plataformas que está a empregar Adiante Ventures son o sistema operativo de Google, Android, e o de Apple, co iPhone. Ni primeiro caso, salientaron que a versión para móbil da web para calcular o soldo neto superou as 300 descargas no primeiro mes de lanzamento para iPhone e acada unha valoración próxima ás cinco estrelas na versión para Android.
A utilidade, que permite calcular o salario neto mensual a partir do dato bruto anual, con datos actualizados segundo a lexislación no Estado Español, actualizarase cunha versión internacional para 24 países e 15 divisas.
Non é a única aplicación desenvolvida pola compañía, que tamén dispón dun mapa do metro de Madrid, con arredor de oito mil descargas, ou outra sobre feitos arredor do actor Chuck Norris. "Estamos probando como funcionan as plataformas e o seu desenvolvemento, para afianzarnos no mercado", explica Merlos.
Ademais do interese que pode espertar a aplicación para soldos, no contexto de crise, a compañía confía no éxito que están a ter os móbiles intelixentes: "Cada vez vai haber máis, vai ser máis común que teñamos internet no móbil con tarifas planas e vai ser máis habitual que instalemos aplicacións do noso interese", o que abre novas oportunidades para os emprendedores.