Pídenlle unha entrevista para expoñerlle as vantaxes das solucións abertas. Denuncian discriminación e malversación de fondos no acordo con Microsoft.
A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), integrada na Federación Española de Empresas de Software Libre (ASOLIF) apoia a solicitude dunha reunión co ministro de Educación, Ángel Gabilondo, para expoñerlle as vantaxes das ferramentas libres adaptadas a fins pedagóxicos.
A solicitude, exposta mediante unha carta aberta, prodúcese como consecuencia do acordo ao que chegou o ministerio coa multinacional Microsoft para que nas cidades onde conserva as competencias educativas (Ceuta e Melilla) os portátiles dos colexios leven o software da empresa estadounidense. O texto déixalles aberta a porta a outros gobernos para que se sumen ao acordo.
Na carta, ASOLIF salienta experiencias pioneiras a nivel mundial que se produciron no Estado Español, como as postas en marcha en Estremadura, Andalucía ou Valencia. Por iso considera incomprensíbel que, habendo casos de éxito tan salientábeis, o ministerio aposte polo modelo oposto, baseado en ferramentas privativas dun único fabricante. A asociación entende que se está a producir un caso de discriminación e de mal uso dos fondos públicos na sinatura de acordos para a adquisición de material, software e servizos cun provedor único, habendo solucións de igual ou superiores prestacións cun custo inferior.
A entidade denuncia, ademais, que o proxecto de introdución dos computadores no ensino non se licitase mediante concurso público, como si fixeron diversas comunidades autónomas.