Os principais buscadores bloquean os resultados sobre sexo no país, que endureceu as leis anti-pornografía.
O país onde se creou o Kama Sutra dispón agora dunha das lexislacións máis restritivas no que se refire ao sexo na internet. Así, segundo unha investigación publicada polo Guardian, varias compañías da rede están a impedir que as persoas do país asiático poidan acceder a contidos "inapropiados".
Aínda que o goberno da India, supostamente, non se puxo en contacto coas multinacionais, Yahoo e o seu servizo de fotografías Flickr xa non permiten desactivar o filtro de "busca segura" dende a India, como xa non o facían en Singapur, Hong Kong e Corea. Pero o primeiro paso deuno Microsoft, que impide que a cidadanía india poida atopar sexo no seu buscador Bing.
A lexislación anti-porno remóntase a hai século e medio, cando se redactou o código penal indio, onde se define obscenidade como "contido lascivo e que ten o efecto de corromper as mentes", e que se adaptou na Lei da Tecnoloxía da Información da India, que prohibe a publicación de material pornográfico.
A medida, á que aínda non se sumou Google, contrasta co feito de que os internautas da India son os responsábeis da meirande parte das buscas de "sexo" de todo o mundo, ou o erotismo que abunda na prensa e no cinema do país asiático.