Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HOMENAXE

Cabanillas renace no seu Cambados

Todas as casas do municipio recibirán de balde o exemplar “Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas”. Eis o mellor ramallete para rematar o ano de tributos ao poeta.

Redacción - 11:18 29/12/2009

Ramón Cabanillas morreu onde naceu. E isto, que pode ser algo tan común, convértese en extraordinario porque a súa obra está máis viva ca nunca en Cambados. A demostración é que cada un dos máis de catro mil fogares que hai no municipio vai contar co exemplar “Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas”.

O catedrático e académico Francisco Fernández Rei e o biógrafo Luís Rei prepararon unha escolma de textos do poeta. A mesma divídese en tres partes: “O Cambados pobre, fidalgo e soñador”, na que se repasa a paisaxe da vila; “O rumoroso val do Salnés”; e “Roseiras, fouces e marusías”.

Os autores da obra non venal consideran que esta é a mellor maneira de honrara a Cabanillas: “coñecer e valorizar o legado dun grandísimo poeta que compuxo versos saudosos, poemas costumistas e descritivos, sagas mitolóxicas e patrióticas, versos xusticieiros de combate anticaciquil, poemas relixiosos, textos intimistas de amor e desamor...”

Este martes ás 20 horas clausúrase no Auditorio da Xuventude de Cambados o “Ano Cabanillas”. Fernández Rei e Luís Rei presentarán a escolma de textos nun acto no que non faltará a música, o teatro e a poesía. Remata así un vizoso ano de tributos a un dos maiores autores que deu o país.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: