O príncipe Alberte II planea gañar un espazo equivalente a cinco campos de fútbol malia ter "preocupacións" previas polo impacto ambiental.
O príncipe Alberte II de Mónaco anunciou que se vai recuperar un plan para lle gañar terreo ao mar e permitir a expansión deste pequeno país, o de maior densidade de poboación do mundo. Anunciouno hai uns días nunha entrevista publicada polo diario francés Le Parisien.
O proxecto, que prevé a creación dunha área de máis de 50 mil metros cadrados (equivalente a cinco campos de fútbol), revelouse xa o ano pasado, mais foi adiado debido á crise financeira e ás "preocupacións" do soberano -implicado na protección do ambiente- polo impacto no medio mariño.
Alberte II encargou a tres organizacións ambientais de ámbito internacional un estudo sobre as posibilidades de crear "arrecifes artificiais" que eviten o dano a biodiversidade do Mediterráneo. Neste senso, os recheos -asegura- faranse sobre unha plataforma como as petrolíferas.
As obras non comezarán antes de 2015 e contan cun orzamento de 11 mil millóns de euros e sobre este construiranse vivendas de luxo, locais de oficinas para empresas e edificios públicos.