Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na mina da Brea en Carballo

A Fiscalía investigará o agocho de vertidos canceríxenos por parte de Ferroatlántica

Á luz do informe de Verdegaia, o fiscal ve indicios "claros" de delito e analiza se houbo prevaricación da Xunta pola ocultación de información.

Redacción - 11:45 24/12/2009

O colectivo ecoloxista Verdegaia compareceu esta semana diante da Fiscalía de Medio Ambiente para achegar datos da vertedura na antiga mina do lugar da Brea, en Carballo, de residuos industriais con compoñentes canceríxenos. As escouras soterradas no lugar proceden da factoría de Ferroatlántica en Cee.

Vistos os datos, e segundo comunica Verdegaia, o fiscal ambiental galego, Álvaro García Ortiz, admitiu ver indicios claros de delito ecolóxico que motivarían a reapertura do expediente. De paso, a fiscalía investigará se houbo prevaricación por parte do alto cargo da Xunta que en 2008 achegou ao xuíz "un informe que ocultaba toda a información relevante e que deu pé ao escandaloso arquivo da causa".

Recorda Verdegaia que idénticos materiais contaminantes xa foran causa do acontecido na ría de Corcubión, onde se atopou un nivel de canceríxenos nos moluscos 35 veces superior ao limiar máximo admitido pola UE. "O grupo Ferroatlántica, do industrial madrileño Villar Mir e baixo o lema natureza en positivo, declaraba aquel ano uns beneficios de 135 millóns de euros, porén resistiuse a investir nunha planta de tratamento das perigosas substancias e optaba por agochar o refugallo nun monte a través do seu parceiro Desguaces Lema S.L. que foi imputado por delito ecolóxico", critica o colectivo.


5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: