Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Primeiro encontro

'Granxeiros último modelo'reúnense en Castrelo de Miño

O Concello do Ribeiro convida este domingo a persoas que practican a agricultura virtual en redes sociais.

Redacción - 11:39 24/12/2009

Castrelo de Miño será a sede do primeiro encontro de granxeiros virtuais de Galiza. O domingo 27, coincidindo coa primeira feira de produtos agrícolas, artesanía e conservas caseiras, o concello acollerá a xuntanza de persoas que participan en recreacións agrícolas a través de redes sociais. O goberno municipal facilitaralles aloxamento de balde ás persoas que se decidan a compartir as súas experiencias na rede, no que se considera unha "auténtica revolución mundial", e conxugar, dese xeito, a agricultura real coa virtual.

Están convidadas persoas que participan en aplicacións de estratexia en tempo real como Farmville, Farmtown ou Amigos da granxa, que permiten a interactividade mediante sementeiras, colleitas, coidado de animais e mesmo a decoración das explotacións agrícolas usando unicamente o rato. A que ten máis éxito é Farmville, con máis de 62 millóns de usuarios dentro das máis de 300 millóns de persoas inscritas en Facebook.

O concello de Castrelo de Miño aproveitou a popularidade que están a obter estas aplicacións para convocar o encontro, que terá lugar no Parque Náutico da vila. Dáse a circunstancia de que no concello, eminentemente rural e vitivinícola, hai moitos veciños que compatibilizan o traballo nas leiras reais coas virtuais. Así, o 60% da poboación conta con conexión wifi de balde, que chegará ao 90% a finais deste mes.

O domingo 27 haberá concursos, tanto de explotacións dixitais como de produtos de horticultura real. As persoas que desexen participar están convidadas a pasar a noite do sábado 26 no municipio.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: