O presidente da Xunta denuncia que o goberno español intenta impedir un mapa de caixas propio
“Non hai autonomía política se non hai autonomía financeira”. Núñez Feijoo mostrou as súas bazas este mércores logo do Consello da Xunta. As caixas son cuestión prioritaria. Pero o presidente foi un pouco máis aló afirmando que hai indicios de que o goberno español “intenta impedir que Galiza siga no mapa financeiro español”. Para xustificalo, Feijoo sinalou “está claro que hai unha dobre vara entre comunidades que modifican ou axustan as súas leis para conseguir presenza coas súas caixas no Estado e Galiza, que parece que non pode”.
Feijoo deu un aviso claro ao PSdeG e apelou a un sentimento de galeguidade para que as caixas resultantes teñan sempre a súa capitalidade no país. O presidente sostivo que sería inexplicábel que os socialistas galegos pedisen a intercesión do goberno español para influir na Lei de Caixas, que emana do Parlamento de Galiza. O presidente galego empregou un ton máis solemne ao dicir que sería “un erro histórico, algo que non sería bo que cometese un partido importante”.
Feijoo que conta co apoio do BNG na procura da galeguidade das caixas, volveu atacar os socialistas facendo ver as diferenzas localistas entre os alcaldes da Coruña e Vigo. Volveu advertir que se as caixas do país se fusionan con outras de fóra é máis que probábel que o centro de decisión se traslade a Madrid.