Entre choiva e nevaradas e cos termómetros baixo cero, este luns deixamos o outono.
"Na porta do Nadal, inverno natural", reza o refraneiro. E así será contra as 18h47 da tarde deste luns 21 de decembro (17h47 hora galega), que comece oficialmente o inverno no país. O día máis curto e a noite máis longa do ano coinciden cunha borrasca deitada sobre o noroeste de Galiza arrebolando precipitacións entre febles e moderadas que zouparán forte nalgúns puntos do país.
O prognóstico de Meteogalicia agoira tamén posíbeis treboadas e sarabias ao longo do día e cota de neve desde os 400 metros, malia que cara a fin da xornada subirá deica os 1500 metros. As temperaturas mínimas agárdanse en todo o país por baixo dos cinco graos, malia que experimentarán un lixeiro ascenso e durante o día, as áreas costeiras de Vigo, A Coruña e Ribadeo poderían moverse deica os 14 graos. As máximas chimparán así un chisco tamén no resto das comarcas, mais seguirán as xeadas no interior.