Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Marcha silenciosa, este sábado

Milleiros de persoas arroupan nas rúas de Bilbo os imputados de 'Egunkaria'

"Os euscaldúns, os vascos, queremos vivir libres, como libre ten que ser Egunkaria nunha Euskal Herria libre", rezaba o manifesto.

Redacción - 12:30 20/12/2009

Milleiros de persoas secundaron a marcha que percorreu este sábado pola tarde as rúas de Bilbo (Euskal Herria) para pedir a absolución dos cinco directivos do xornal Euskaldunon Egunkaria que están a ser xulgados na Audiencia Nacional.

A marcha silenciosa comezou ás 17.00 horas na praza Aita Donosti e finalizou fronte á Casa do Concello coa lectura dun comunicado por parte de Juan Mari Torrealdai. O directivo de Egunkaria declarou que o proceso é un "ataque contra o éuscaro e, ao mesmo tempo, contra os vascos". "A absolución é o único xeito de corrixir a inxustiza e o agravio", dixo, e agradeceu a "enorme presenza e calor" do pobo.

"De non ser pola vosa calor, pola ampla maioría da sociedade vasca, polos cidadáns correntes coma nós, polos organismos sociais, polos sindicatos, polos partidos políticos e institucións, cecais estariamos enfrontándonos ao esquecemento nese negro buraco", sinalou.

Ademais, apuntou que van pedir que os culpábeis desta "desfeita" paguen no banco de acusados polo dano que fixeron, malia que asegurou que non agardan que iso ocorra. "Para todos e cada un de nós a absolución é menos que nada", engadiu.

Egunkaria pechárono, dixo, "porque era libre". "Os euscaldúns, os vascos, queremos vivir libres, como libre ten que ser Egunkaria nunha Euskal Herria libre", afirmou, tras mostrar a súa solidariedade polos membros de Udalbiltza (Asemblea de Municipios e Electos Municipais de Euskal Herria) que tamén serán xulgados.

Ausencia de socialistas e 'populares'
Representantes de PNV, Aralar, EA, EB-Berdeak, Hamaikabat e Alternatiba, así como dos sindicatos ELA, LAB, CC.OO, ESK, ESTE-Eilas, EHNE e Hiru participaron na mobilización baixo o lema Egunkaria libre. Os ex lehendakari Carlos Garaikoetxea, José Antonio Ardanza e Juan José Ibarretxe tamén estiveron presentes no acto.

Os manifestantes arrouparon os imputados, Martxelo Otamendi, Juan Mari Torrealdai, Xabier Oleaga, Iñaki Uria e Txema Auzmendi, que encabezaron durante a marcha todo o percorrido, na que non participaron nin PSOE nin PP. O xuízo retomarase en xaneiro.


Ligazóns

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: