A deputada Marisol Soneira lembra que a normativa ábrelle a porta a usos como o da construción inmobiliaria.
O Plan Galego de Acuicutura, máis aló dun rendemento empresarial, “oculta o maior proceso especulador da nosa costa”. A deputada socialista Marisol Soneira sinala que os cambios introducidos na normativa fan que, unha vez que cesan as actividades industriais, a titularidade do chan siga en mans das compañías que o explotaron. A denuncia súmase á de Adega. A asociación ecoloxista xa advertiu a semana pasada desta modificación.
Dende o PSdeG van máis aló e indican que, tal e como están redactadas as normas, as empresas poderían facer cos terreos e dispoñer libremente deles dentro duns anos aínda que nin se cheguen a desenvolver os proxectos.
Soneira, que acusa á Xunta de converterse en “axente” das empresas privadas lembra que “este mesmo proceso rexistrado noutras autonomías finalizou coa construción magníficos chalés onde orixinalmente se ían construír explotacións acuícolas”. A parlamentaria socialista asegurou que aínda que un propietario rexeite vender un terreo, a propia administración vai poder expropialo para entregarllo á empresa que ten a concesión.