Segundo os ecoloxistas a utilización do cloruro de sodio pode chegar a contaminar ríos e acuíferos e mesmo afectar á fauna.
A utilización de sal para derreter a neve en estradas e beirarrúas é unha práctica habitual en canto chega o inverno. Porén, dende colectivos ecoloxistas como Greenpeace consideran que esta non é a mellor forma de combater as xeadas.
Un dos responsábeis da campaña de Contaminación deste colectivo, Julio Barea, asegurou que o sal se está a utilizar habitualmente en zonas de árbores, en portos de montaña e mesmo en zonas cunha recoñecida protección ambiental, o que está a ter como consecuencia nun incremento na salinización das augas.
Greenpeace recorda que en países do centro e norte de Europa, onde as xeadas e nevadas son continuas, o sal está absolutamente prohibido, ao ser considerado un contaminante máis. Pola contra, os ecoloxistas propoñen que se use só puntualmente e ante procesos climatolóxicos moi adversos e prolongados. Como alternativa propoñen a utilización de grava natural ou area, que tamén evita que o chan estea esvaradío ou materiais sintéticos como os empregados en países nórdicos.