Os seareiros escoceses réndenlle tributo ao xogador ferrolán sacando un DVD á venda.
Ampliación da portada do DVD
Os afeccionados escoceses senten unha grande admiración por Nacho Novo. O futbolista ferrolán dos Glasgow Rangers, que pretende abandonar o equipo o vindeiro verán, despois de seis temporadas, xa conta cunha homenaxe audiovisual.
De cara á campaña de nadal saíu á venda o DVD Nacho Novo – There's Only One (só hai un), en referencia a un dos himnos creados polos seareiros para animar o futbolista galego. O disco saíu á venda na tenda oficial do equipo e, a partir da vindeira semana, tamén en diversas tendas en liña, como Amazon ou HMV.
Novo agradeceu o apoio dos seareiros e a súa estadía en Escocia. "Penso que os escoceses son boa xente. O clima non me molesta porque son de Galiza, no norte de España e o tempo é similar". Mais, aos seus 30 anos, aspira a volver á súa terra.