Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA

Touriñán, o filólogo que se meteu a contar contos nas tabernas

Con papeis como o de Mucha das Cantareiras de Ardebullo ou o do atropelado Ricardo en Land Rober, o cómico destila a calidade da nova fornada de humoristas.

Isabel G. Couso - 09:40 16/12/2009

Retranca, espontaneidade e amplas doses de comicidade. Estas son as máis evidentes calidades de Xosé Antonio Touriñán (1980), un humorista con chispa que tira do carácter galego para espertar as máis sonoras gargalladas do público. Baixo a acusación de rematar co Supermartes, histórico espazo televisivo que non durou máis de seis programas logo da aparición nel das Cantareiras de Ardebullo, e co descargo de elevar a audiencia doutros como O Luar, Touriñán asegura estar moi satisfeito co seu momento artístico actual e felicítase do agromar dunha nova fornada de cómicos galegos.

Vieiros: Como se mete un filólogo a humorista?
A verdade é que todo se iniciou con Marcos Pereiro (o seu compañeiro nas Cantareiras) co que compartín colexio, instituto e equipo de balonmán. Un amigo de Carral ofreceunos hai oito anos facer algo xuntos para o Día das Letras Galegas e representamos un daqueles textos escritos na emigración sobre un galego que volvía á casa e non se acordaba das cousas de aquí, que falaba en castelán e desprezaba o propio. A partir de aí, comezamos a representar o noso dúo por locais e por bares e fóronse forxando as Cantareiras de Ardebullo. Estudei Filoloxía Galega mais nunca cheguei a exercer máis alá das prácticas do CAP; deixeino para meterme a contar contos nas tabernas, que é o mesmo que contarllos aos nenos pero cuns viños diante.

E como chegou o salto á televisión?
O primeiro programa ao que fomos foi o Supermartes, se ben Marcos xa participara como actor en Terras de Miranda e xa tiña unha experiencia. Sempre nos din que fomos nos quen acabamos co programa, porque despois de seis semanas de saírmos nós, rematou. O certo é que antes foramos a unha proba a Luar, pero non nos chamaron e non foi até un ano despois cando compartimos escenario con Gayoso. No medio participamos en outros espazos, como En pé de festa, onde facíamos de dous surfeiros que andaban polos ríos galegos.

E despois asumiches outros papeis individuais como o de Ramón Regoufe na Radio Galega, presentaches Botarse ao Monte ou o actual Ricardo de Land Rober...
Si. Tanto Marcos coma min debémoslle moito ás Cantareiras e son o centro da nosa actividade humorística, mais tamén temos claro que queremos facer outras cousas, xa pola nosa propia saúde mental. E así foron xurdindo estoutras oportunidades.

Con que papel te sentiches máis cómodo até o de agora?
Cada un deles ten o seu punto, non podería quedarme con ningún. Hai días en que apetece moito traballar en compañía, con Marcos, e outros nos que se goza máis individualmente. Con todo, o de Ramón Regoufe é distinto porque na radio estás menos exposto que na televisión e a interpretación é distinta. Durante os dous anos nos que participaba diariamente no espazo da tarde gocei moito. Agora só falo unha vez á semana, mais tamén é moi bonito. Tamén foi moi satisfactorio o traballo de Botarse ao Monte, porque nestes programas fun máis eu mesmo. Este último custou moitísimo porque había un presuposto limitado, mais o equipo eramos como unha familia na que todos facíamos de todo e a experiencia foi incríbel.

A naturalidade é moi patente nas túas intervencións, mais que hai de espontaneidade e que de guión?
Hai moito de improvisación e de espontaneidade, mais tamén pesa moito a preparación previa. No caso de Regoufe, por exemplo, antes contaba cunha sección diaria, na que comentaba noticias curiosas, e iso requiría certo guión no que eu me montaba a miña propia historia, se ben non estaba exento de improvisación. Agora é diferente, porque a conversa vai xurdindo de xeito natural e non é posíbel planificala tanto.

O papel do atropelado Ricardo en Land Rober foi o que te acabou de lanzar á fama de xeito individual, como xurdiu?
Land Rober foi unha proposta que me fixo Roberto Vilar (Os Tonechos), con quen teño moi boa relación, e que me gustou moito porque era unha experiencia distinta. Permitiume colaborar tamén en labores de dirección e aprender moito dun programa máis alá de participar como actor, asumindo cuestións máis complexas relacionadas coa técnica ou coa dirección. A experiencia está a ser moi boa e a audiencia parece que está respondendo, polo que eu estou moi contento.

Unha das críticas que se che fai é a de que apareces en moitos espazos. Tes medo a "queimarte" como din algúns nos foros de internet?
Si que mo di moita xente, que teña coidado, que me vou queimar. Eu dígolles que ogallá me queime. Por exemplo Gayoso leva queimándose máis de 20 anos, e traballando. Non sei, o certo é que eu aínda estou empezando e non levo máis de dous ou tres anos saíndo en televisión, penso que aínda non me teño que preocupar por esas cousas. Está claro que chegado o momento haberá que ir medíndose, mais esa non é a miña preocupación hoxe.

Como valoras a situación do humor galego na actualidade e a súa presenza na televisión pública?
Eu creo que estamos nun bo momento, que naceu unha moi boa fornada de cómicos galegos. Da man dos concursos de monólogos, que tiveron certo auxe nos últimos anos, saíron figuras moi destacadas como Oswaldo Digón, David Amor, Roberto Bodegas, Pepe Suevos ou os propios Tonechos. Esta xente vense a unir a clásicos como Carlos Blanco ou Cándido Pazó, mais agora hai outras canles para darse a coñecer que antes non ían máis alá do teatro.

Cres logo que a TVG está a impulsar os novos cómicos?
Creo que a comedia está nun bo momento e que a presenza de humoristas na televisión xera audiencia. Houbo certo impulso en espazos concretos como O Luar, non sei se por decisión da dirección da TVG ou máis ben grazas a certo estímulo por parte dos responsábeis de programas concretos. Antes se querías saír na televisión só podías ir ao programa de Gayoso, agora tamén está Land Rober e así vamos gañando máis espazos.

Cales son os teus proxectos de futuro?
A verdade é que non me dá moito tempo para pensar no futuro, porque teño que traballar no presente. Estou moi satisfeito co momento actual e até o de agora o que teño claro é que vou continuar cos proxectos en marcha. En Luar continuaremos actuando este ano e o demais dependerá das renovacións de contratos, pero a verdade é que ideas para cousas novas non faltan. Con todo, eu estou hoxe moi contento co que fago e no futuro, pois... nunca se sabe.


Ligazóns

4,48/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Touriñán no primeiro programa de Land Rober

Touriñán deuse a coñecer xunto con Marcos Pereiro coas Cantareiras de Ardebullo
Touriñán deuse a coñecer xunto con Marcos Pereiro coas Cantareiras de Ardebullo
En Land Rober fai o papel de Ricardo, un home que sofre constantes atropelos
En Land Rober fai o papel de Ricardo, un home que sofre constantes atropelos
Touriñán, tamén en Land Rober
Touriñán, tamén en Land Rober
Xa nunha faceta máis formal, presentou Botarse ao Monte
Xa nunha faceta máis formal, presentou Botarse ao Monte