A obra “Retrato da Xeración de 1950” analiza o cambio social que trouxo a Galiza a transición á democracia.
A través de trinta voces diferentes, o sociólogo Pérez Rúa peneira unha visión da transición democrática en Galiza. Para iso bota man dos mozos que naquela hora protagonizaron o cambio. De aí que a obra leve por título “Retrato da Xeración de 1950”. O secretario do xurado, Carlos Lema, explicou que o tribunal do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro valorou a “orixinalidade” e o enfoque de “historia oral” que narra o cambio dunha Galiza eminentemente rural a unha máis urbana.
O propio autor do traballo premiado subliña que conversou con 30 persoas diferentes e que posteriormente configurou a obra como unha crónica. O libro debulla historias comúns que axudan a dar unha visión máis plural do acontecido no último medio século.
O premio, que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Editorial Galaxia e Unión Fenosa, consiste en seis mil euros e a publicación da obra.