O rexedor vigués cualifica de "intervencionismo" a proposta da Xunta e asegura que o Goberno oculta datos sobre a febleza de Caixa Galicia e Caixanova.
"A auditoría vai ratificar que a fusión é unha mala opción", afirmou este xoves o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, asegurando que a hipotética fusión de Caixa Galicia e Caixanova crearía unha entidade "débil e con problemas". Malia a posición oficial do seu partido, que deixa aberta a porta á fusión aínda que recomenda que o proceso se inicie a través dun Sistema Institucional de Protección (SIP) que manteña a identidade das dúas caixas, Caballero foi belixerante coa posibilidade da fusión.
"Non haberá fusión", insistiu o rexedor vigués, indicando que o seu partido está a prol de agardar polos informes independentes e afirmando estar seguro de que eses informes revelarán que a fusión de Caixa Galicia e Caixanova non crearía unha entidade abondo forte. Deste xeito, e malia a presunta fortaleza que o propio Caballero teimou noutras ocasións en atribuírlle a Caixanova, do mesmo xeito que o resto das administracións lle atribúen tamén a Caixa Galicia, insinuou o alcalde que o detalle da situación das entidades revelará un escenario peor do que confesan oficialmente.
Segundo a análise de Abel Caballero, a Xunta "oculta datos". Así, o mandatario vigués pregúntase por exemplo que volume de axudas deberá solicitarlle ao Banco de España a caixa fusionada, que indicadores ofrecería e que pasaría coa concentración crediticia. Teimou o alcalde da cidade olívica en que a fusión non a quere "nin Caixanova", nin os empresarios pontevedreses "nin os cidadáns". "Non sería boa para a economía de Vigo", advertiu. De paso, subliñou que a decisión anunciada pola Xunta este xoves é a escenificación dunha decisión política "tomada hai moitos meses". Decisión que, analiza Caballero, "é doada de explicar: prímanse os intereses do norte de Galiza sobre as lexítimas aspiracións do sur".