A plataforma Salva o Tren advirte de que os presuntos novos servizos teñen data de caducidade. O BNG esixe que non se desmantele a antiga vía Santiago-A Coruña.
Membros da plataforma Salvar o Tren a pé da estación de Catoira
"Unha esmola". É a definición que desde a Plataforma Salva o Tren fan dos dous servizos extra que Renfe anunciou que estarán dispoñíbeis á estación de Pontecesures no treito de vía convencional Vilagarcía-Santiago de Compostela. "Pan para hoxe e fame para mañá", analizan sobre o acontecido.
Para a rede de colectivos trátase dun feito "humillante" que acontece apenas cinco días despois da desaparición do servizo en Meirama, Vila da Igrexa e Cerceda e coa intención de "tranquilizar" os acendidos ánimos dos veciños. Recordan desde Salva o Tren que a finais de 2011 e na mesma comarca do Salnés, desaparecerán non só eses dous servizos extra senón o total dos existentes, e ao tempo as propias estacións ferroviarias de Osebe, A Escravitude, Padrón e Catoira.
"Señores de Fomento e de Renfe, se algo queren facer por este servizo agonizante, maltratado por vostedes mesmos e a piques de dar os seus últimos latexos, devólvanlle ao pobo o que lle roubaron, inicien a recuperación das últimas tres estacións perdidas, xunto coa de Portas, repoñan as ligazóns co Eixo Atlántico, e sigan dándolle servizo a todas as localidades que aínda non abandonaron e as que abandonarán nos seus plans de mobilidade", expón Salva o Tren.
En xogo a posibilidade dunha rede de proximidade
Doutra banda, o BNG presentou no Congreso unha iniciativa coa que reclama do Ministerio de Fomento que "a progresiva e longamente agardada entrada en funcionamento da nova liña ferroviaria entre A Coruña e Vigo non implique o desmantelamento das vellas vías e a redución, e mesmo supresión, de servizos nas zonas rurais".
O deputado do BNG en Madrid, Francisco Jorquera, puxo ao fío o exemplo do concello de Cerceda, "onde pasaron de contar con tres estacións e un apeadoiro, a só unha estación, e o que é máis grave, verán reducido o servizo de 7 paradas diarias en cada sentido a soamente un tren ao día en cada sentido". "É dicir, no caso de Cerceda, como noutras localidades de Galiza, a entrada en servizo do AVE vai supor unha redución, cando non perda, dos servizos ferroviarios", denunciou Jorquera.
Nesa liña, subliñou que a posición do BNG neste asunto pasa por facer compatíbel a alta velocidade ferroviaria cun servizo de proximidade que leve o tren tanto ao rural como ás áreas metropolitanas das cidades do país. "E para iso resulta imprescindíbel que non se desmantelen nin as vías nin as estacións da antiga liña ferroviaria", indicou o deputado coruñés. Ao tempo, Jorquera pregúntalle ao goberno español polos pasos dados para a transferencia á Xunta das infraestruturas ferroviarias que queden en desuso entre A Coruña e Vigo para poder introducir servizos de proximidade a través dun Ente Ferroviario Galego.